domingo, 15 de decembro de 2013

MAGOSTO



A palabra magosto, ademais doutros significados directamente relacionados, designa unha celebración festiva e popular, tradicional en toda Galicia, organizada en torno á recollida das castañas.
O magosto realizábase tradicionalmente o 1º de novembro, día de Tódolos Santos, se ben en Ourense, por maduraren máis tarde as castañas, atrasouse ata o día 11, san Martiño. Na actualidade celébrase en calquera data comprendida entre a segunda quincena de outubro e a primeira de novembro, converténdose na festa do outono por excelencia, e incorpóranse diversos alimentos, coma chourizos e outros produtos elaborados nas matanzas do porco coincidentes con estas datas. Tampouco adoitan faltar as sardiñas asadas.
O magosto celebrábase tradicionalmente nun claro do mesmo souto, comezando a primeira hora da tarde coa recollida de leña e castañas. Facíase unha ou varias fogueiras con paus e frouma para conseguir brasas dabondo para asar as castañas;
outras veces era na eira ou nun rueiro amplo, cos vellos na cociña da casa e os mozos na rúa. Era costume que as mozas trouxeran as castañas e os mozos o viño; noutros casos os mozos achegaban todo e as mozas ían convidadas. Aínda que había que picar (ou sinalar) as castañas antes de botalas nas brasas, non faltaba quen botaba algunha enteira, para que estoupase na cara de quen as andaba a remexer, cousa que os participantes celebraban lanzando aturuxos. Por fin, no remate da festa, os máis rapaces xogaban a tisnarse coas mans cheas de feluxe mentres que mozos e adultos cantaban e bailaban, nalgúns casos saltando sobre os restos da fogueira.
Existe coincidencia en considerar os magostos como unha festa de orixe pagá, relacionada coa fecundidade e o folclore do lume que marca o paso dos ciclos agrícolas, a modo de simbolismo de peche do ciclo solar. Como aconteceu con outras festividades pagás, terminou sendo cristianizada asociándoa ós Santos e Defuntos ou a San Martiño de Tours. Existe constancia dalgunhas prácticas supersticiosas relacionadas coa crenza de que o lume ten vida propia e un certo carácter sagrado: nunca se debía cuspir sobre o lume, nin botar nel restos de comida ou calquera outra cousa . Non se debía matar o lume senón que cumpría deixar que as brasas se apagasen soas, pouco e pouco: críase que as ánimas viñan quentarse á noite no rescaldo. Outros din que cada castaña comida era unha alma que se sacaba do purgatorio, e para que estas ánimas puidesen comer algo, sempre se deixaba algunha castaña entre as brasas.
Fonte: Galipedia.